Monday 29 de April de 2024

O Concello convoca este xoves a Comisión mixta de Peleteiro para dar conta do proceso de negociación coa propiedade


A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, anunciaron esta mañá a convocatoria da Comisión Mixta Peleteiro para este xoves 18 de abril ás 17:00 horas co propósito de dar conta do proceso de diálogo levado a cabo nos últimos meses coa Sareb ao respecto do proxecto do antigo edificio de Peleteiro. A rexedora adiantou o rexeitamento por parte da propiedade das últimas propostas de modificación presentadas polo Concello co obxectivo de chegar a unha solución consensuada. De todo o proceso de negociación informará polo miúdo o Goberno municipal este xoves aos colectivos veciñais, asociacións de comerciantes e grupos políticos.

A rexedora detallou que “durante os últimos 8 meses mantivemos numerosas reunións telefónicas, telemáticas e presenciais coa propiedade dos terreos, tanto con representantes de AELCA, a entidade encargada da xestión dos activos inmobiliarios da Sareb, como da propia Sareb” que trasladou “recentemente a súa decisión de rexeitar as propostas presentadas polo Concello co obxectivo de mirar a posibilidade de modificar o planeamento vixente de mutuo acordo” para así “atopar a mellor solución para satisfacer as necesidades da veciñanza da zona e da cidade no seu conxunto”.

Goretti Sanmartín recoñeceu que a situación actual “non é a mellor” xa que “nós sempre traballamos por unha modificación do planeamento consensuada a través dun diálogo constante” a prol dos “intereses xerais”.

En paralelo, desde o Concello tamén se lles requeriu á propiedade o pasado 8 de abril “que subsanasen unha serie de deficiencias no proxecto que presentaron, para que cumpra todas as determinacións do planeamento vixente” como un paso máis dentro do procedemnto de tramitación administrativa de calquera licenza.

Goretti Sanmartín explicou que na Comisión Mixta que terá lugar este xoves 18 de abril ás 17:00 horas, o Goberno municipal dará conta aos colectivos veciñais, asociacións de comerciantes, grupos políticos e “ao conxunto da poboación” de todo este proceso de negociación que se levou a cabo con “total discreción” a petición da Sareb.

A rexedora tamén aludiu ás declaracións da ministra de Vivenda, Isabel Rodríguez, nas que se referiu á Sareb como “un instrumento ao servizo da política de vivienda”. “Nós queremos tomarlle a palabra e convidar á ministra a chegar a un acordo con nós que fomente que este espazo teña máis metros cadrados de vivenda e, en concreto, de vivenda protexida” e anunciou que o Concello xa solicitara anteriormente a posibilidade dunha mediación por parte dos Ministerio de Facenda e Vivenda.

Propostas municipais

O concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, detallou que as propostas achegadas por parte do Concello “mantiñan a mesma edificabilidade de 19.900 m2c que as propostas feitas anteriormente” e “os usos eran os mesmos: uso residencial, un 20 % de vivienda protexida, comercio en planta baixa seguindo a tipoloxía tradicional do Ensanche”. O edil tamén confirmou que se mantiñan “tanto os 900 m2 de equipamento público acondicionado como os 1395 m2 de espazo libre público”.

Iago Lestegás explicou que as diferenzas fundamentais das novas propostas municipais están na “forma construída” e da “implantación volumétrica” cunha proposta que recolle unha maior apertura á rúa República Arxentina chegando na segunda proposta ata os 34 metros “que se ía reducindo ata 10’5 metros no punto máis estreito nunha especie de pasaxe que facía unha transición de bastante calidade entre a rúa República Arxentina e ese espazo público” e tamén se propuxo “unha maior distancia con respecto ás traseiras da rúa da Rosa”. Tamén se incluíu un “lixeiro incremento da altura nalgúns puntos “para compensar a apertura horizontal”.

Pola súa banda, o proxecto para o que a propiedade dos terreos solicitou licenza propón a construción dun edificio destinado a uso comercial, ocio e restauración, oficinas, vivenda e equipamento público nunha das parcelas, e doutro edificio de uso hoteleiro con 40 apartamentos na segunda parcela (apartahotel 1*). A terceira parcela acollería o espazo libre público de 1.395 m2 e urbanizaríase de acordo co proxecto de urbanización que deberá redactar a propiedade de acordo co art. 179 do PXOM. O equipamento público, que a propiedade deberá ceder debidamente acondicionado, ten 900,75 m2. Ademais, o proxecto prevé a creación de 403 prazas de estacionamento.